sábado, 27 de octubre de 2012

IMOS AO CINE!!

     Todos os días no cole miramos o calendario, pero esta semana dunha maneira especial. Nada máis entrar na clase plantabámonos   diante del  e empezabamos a contar os días que faltaban para a excursión. Non foi nada fácil. Para algúns, o luns faltaban tres días e para outros tan só dous e empezabamos unha pequena discusión. E así todos os días a mesma historia: ¡¡ faltan dous !! ¡¡ non, falta un !!,  ¡¡ falta un día !! ¡¡ non, faltan cero !!  Ata que, por fin chegou  o xoves!. Aquí xa todos estivemos de acordo: ¡¡Hoxe é o día!! Fomos moi contentos e divertímonos, pero sobre todo, portámonos moi ben!!  



viernes, 12 de octubre de 2012

AUTORRETRATO

     Estes días estivemos facendo unha actividade que nos deu moito traballo, pintando cunhas pinturas coas que hai que ter coidado porque manchan moito, pero coas que é moi doado pintar porque acabas pronto e non deixas branquiños (que non lle gustan nada á profe!!!). Fixemos un autorretrato. Non é tan fácil como parece. Debuxarse a un mesmo e conseguir que se pareza a nós, a verdade, é unha tarefa bastante difícil. Pero nós que nos atrevemos con todo, fixémolo, e a verdade é que en calquera deles hai algo que nos recorda a nós mesmos. Fixádevos ben e seguro que algún parecido atoparedes con nós.


viernes, 5 de octubre de 2012

 Aquí estamos de novo!

     En primeiro lugar, un recordo moi especial aos meus antigos alumn@s, agora xa en terceiro, pois eles fixeron posible que folliñas de papel  empezase a funcionar.

     E agora xa, darlles a benvida aos novos protagonistas que  a partir deste momento serán os que, cos seus traballos, se encarguen de que este blog siga actualizándose.  Benvidos!!!




viernes, 22 de junio de 2012

¡¡¡FELICES VACACIÓNS!!!

Por fin chegou o día. Estabamos todos nerviosos porque algo moi importante nos ía dar a nosa profe. ¡¡¡AS NOTAS!!! Algúns estabamos impacientes por abrilas. Pero outros... case que mellor as abriamos na casa, quizáis temendo o peor. Pero bueno, cun empuxonciño da profe que nos animaba a abrilas, descubrimos que... era mellor do que algúns esperabamos e, sobre todo... ¡TODOS PASAMOS A TERCEIRO!        
      E xa como despedida deste curso, o noso último traballo. Entre todos escribimos un pequeno libro, cada un o seu capítulo da historia. Invitámosvos a lelo.




RECOPILACIÓN


lunes, 21 de mayo de 2012

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

     O mércores 16 de maio celebramos no cole o día das Letras Galegas. Durante toda a semana xa estivemos facendo actividades para coñecer un pouco ao escritor homenaxeado este ano VALENTÍN PAZ ANDRADE.
      Por fin, o mércores fixemos diversas actividades conxuntas cos demais compañeiros do cole. Uns recitaron poemas, outros cantaron, outros tocaron unha versión instrumental do Himno Galego, un neno tocou a gaita, e os nenos e nenas de primeiro e segundo curso fixemos un baile "O Galadún" que preparamos coa nosa profe de música, Clara. Saiunos xenial e foi moi divertido. Despois entregáronlles uns diplomas e agasallos aos gañadores do concurso de relato e poesía.  Finalmente todos xuntos cantamos o "Himno galego" e o "Rap da lingua".




      
                             LETRAS GALEGAS 

sábado, 12 de mayo de 2012

     Non sei se lembrades que nos gusta moito escribir contos. Pois ben, hai uns días que estivemos facendo un conto entre todos e escribiámolo na pizarra. Pero claro, agora facémolo na pizarra dixital, coa que estamos encantados. Esta é moito mellor que a outra porque, sabedes?..., podemos gardar o que imos escribindo e continuamos noutro momento! Xa o rematamos, e despois entre todos tamén fixemos debuxos para ilustralo. Non só se nos dá ben escribir, senón que tamén somos grandes ilustradores. A nosa profe colleu todos estes debuxos e foinos mesturando e colocando na páxina do conto que lle correspondía. Ímolo presentar á revista do cole "GALOPÍN", pero ademais como nos sentimos moi orgullosos del querémolo poñer neste espazo que temos reservado para nós.




A voltas con coñecemento do medio.

miércoles, 11 de abril de 2012

     Onte, cando xa case acabaran as clases, trouxéronnos un paquete grande para nós. Levámonos unha gran sorpresa e tiñamos moita curiosidade por saber o que había naquela caixa. Puxémonos moi nerviosos e insistiamos para que a nosa profe nola abrira. Empezamos a sospeitar do que podería conter, xa que había tempo que estabamos ansiosos esperando "algo moi especial". Serao ou non?, preguntabámonos.
     Por fin abrimos a caixa e ... aí estaba o que tanto desexabamos, as cuncas que fixemos cando fomos de excursión a Cerámicas do Castro a primeiros de marzo. Por fin chegaron!!!
     Foi unha excursión moi interesante e divertida. Alí ensináronnos a modelar, e cada un de nós fixo a súa propia cunca e despois decorouna. Quedaron todas moi bonitas!!!
     A parte disto tamén nos levaron de visita pola fábrica para ver como traballaban. (PARA SABER MÁIS...)

O noso traballo de modelaxe





viernes, 16 de marzo de 2012

   Ola! Estamos encantados de poder contarvos algunhas cousas que sabemos facer os nenos de segundo curso, que aínda que parecemos pequenos, xa non o somos tanto.
   Gústanos moito escribir historias en folliñas de papel, debuxar, xogar,... e moitas cousas máis.  
   Unhas veces, cada un de nós escribe o seu propio conto, pero outras veces  escribímolo entre todos. Así é máis divertido, sobre todo porque nos custa moitísimo poñernos de acordo e permítenos "falar e falar...".
   Aproveitaremos  este pequeno espazo para amosar algúns dos nosos traballos.